Ordes, Chantada e Cotobade recibirán esta fin de semana a visita de “Separar con Xeito”

8 Marzo, 2018
  • Separar con Xeito intensifica o seu calendario de actividades acudindo durante esta fin de semana a 3 eventos gastronómicos destacados: A Feira do Viño de Chantada, a Festa do Lacón con Grelos de Mesón do Vento (Ordes) e a Festa do Petote de Cotobade.
  • Do mesmo xeito, durante a vindeira semana, a carpa informativa da campaña visitará diversas feiras municipais.
  • A campaña, promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Ecoembes, ten por obxectivo explicar as claves da xestión sostible dos residuos urbanos (especialmente os do contedor amarelo e azul), e resolver as dúbidas suscitadas aos visitantes destes eventos.

Separar con Xeito intensifica o seu calendario de actividades acudindo, durante os vindeiros días tanto a eventos gastronómicos coma feiras municipais, un calendario que mantén a intensidade do pasado mes de febreiro, cando se acudiron a 34 eventos.

Deste xeito, esta fin de semana, catro eventos gastronómicos protagonizarán as actividades de Separar con Xeito: a XX Festa do Lacón con Grelos de Mesón do Vento (Ordes, A Coruña), á que se acudirá o sábado 10, en horario de 10:30 a 14:30.

E o domingo 11, dúas serán as citas nas que terá presencia a campaña a través dos seus puntos informativos: a Feira do Viño de Chantada (Lugo), que alcanza este ano a súa 36 edición, e a Festa do Petote de Cotobade (Pontevedra). En ambos eventos, a carpa informativa terá un horario de 11:00 a 15:00 horas.

Durante a semana, continuarán as accións en feiras municipais:

  • Feira de Montederramo (Ourense): luns 12 de marzo.
  • Feira de Paderne de Allariz (Ourense): martes 13.
  • Feira de Amoeiro (Ourense): mércores 14.
  • Feira de Celanova (Ourense): xoves 15.
  • Feira de Muros (A Coruña): venres 16.

Finalmente, durante a fin de semana seguinte, 3 serán de novo os eventos gastronómicos aos que acudirán os monitores medioambientais de Separar con Xeito para formar e informar aos visitantes sobre a axeitada separación de residuos:

… o sábado 17 acudiremos a Festa do Chourizo de San Cibrao en Cervo (Lugo)

… e o domingo 18 a dobre cita será na Feira do Queixo de Moeche (A Coruña) e na Festa da Lamprea do Ulla de Pontecesures (Pontevedra).