As festas gastronómicas e as feiras municipais enchen o calendario de actividades de “Separar con Xeito”

9 Febreiro, 2018
  • Separar con Xeito intensifica o seu calendario de actividades acudindo durante as vindeiras fins de semana a eventos gastronómicos nas catro provincias galegas.
  • Do mesmo xeito, durante a vindeira semana, a carpa informativa da campaña visitará diversas feiras municipais.

  • A campaña, promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Ecoembes, ten por obxectivo explicar as claves da xestión sostible dos residuos urbanos (especialmente os do contedor amarelo e azul), e resolver as dúbidas suscitadas aos visitantes destes eventos.

Separar con Xeito intensifica o seu calendario de actividades acudindo, durante os vindeiros días tanto a eventos gastronómicos coma feiras municipais, coincidindo ademais coas datas de celebración do Entroido, co cal se agarda a presencia de multitude de participantes, especialmente nas fins de semana.

Deste xeito, esta fin de semana, catro eventos gastronómicos protagonizarán as actividades de Separar con Xeito: a Feira do Grelo de As Pontes (A Coruña), á que se acudirá o sábado 10. E o domingo 11, tres serán as citas nas que terá presencia a campaña a través dos seus puntos informativos: a Feira do Caldo de Osos de Taboada (Lugo), a Festa do Cocido Don Pedro de Bande (Ourense) e a Festa do Cabrito de Vilariño de Conso (Ourense).

Durante a semana, continuarán as accións en feiras municipais:

  • Feira de Sober (Lugo): luns 12 de febreiro.
  • Feira de Rubián (Bóveda, Lugo): mércores 14.
  • Feira de Pantón (Lugo): xoves 15.
  • Feira de Laxe (A Coruña): venres 16.

Finalmente, durante a fin de semana seguinte, 3 serán de novo os eventos gastronómicos aos que acudirán os monitores medioambientais de Separar con Xeito para formar e informar aos visitantes sobre a axeitada separación de residuos: o sábado 17 acudiremos a Expogrelo en Abadín (Lugo) e o domingo 18 a doble cita será na Festa do Lacón con Grelos de Cuntis (Pontevedra) e na Festa da Filloa de Lestedo de Boqueixón (A Coruña).